@alma

abu_00

Tremo coa emoción, sen poder evitar as bágoas, ao pensar todo o que un pequeno lugar significa para min. A casa do Marroco, en San Cremenzo, á que necesito ir cada pouco para encherme dos aloumiños da avoa Narcisa, para sentir que meu pai e meu avó seguen presentes e para escoitar berrar a miña nai chamando para comer eses manxares que algún día eu prepararei. Un pequeno lugar da Costa da Morte vixía dos valores dos que non me quero arredar nunca.

Dende alí todo se ve doutra maneira. O estrés diario dun xornalista desaparece por completo ao carón da lareira escoitando as historias dos avós, historias que constrúen e dan sentido á nosa vida. Porque os seus contos son o noso pasado, os nosos vimbios.

Vimbios que foron tecendo coas carreiras entre o inquedante labirinto que conformaba a leira de millo, as tardes na eira axudando a mallar e peneirar as fabas, a debullar os chícharos, a sementar a horta; tarefas fundamentais para alimentar a cociña de ferro, sempre a punto para os mellores follados, o mellor caldo, a mellor tortilla do mundo, as mellores empanadas de xoubas imprescindibles para repoñer forzas e seguir apañando nas ‘castañas’ (así e como lle chaman as patacas en San Cremenzo)… Non hai Estrela Michelín que supere os sabores da casa. Claro que para tal deleite tiñas que pasar por encontrar o chan da sala cheo de todas as partes que nunca imaxinaras que pode ter un porco, o balde cheo de sangue para facer os follados que tanto lle gustaban ao avó, ou ver unha pita correndo eira abaixo sen cabeza mentres a avoa escachaba coa risa ante a nosa cara de terror.

Cargadas de inocencia estaban as noites de leria no banco de pedra da entrada da casa, mentres xogabamos a quen atopaba máis tréboles de catro follas, coa avoa chamando por nós dende o sobrado para ir durmir antes de que viñera a Rolda. As intrigantes visitas ao faiado para descubrir os nosos particulares tesouros… e algún que outro rato, que parecía multiplicarse pola noite. Polo menos esa era a sensación ao escoitar os seus pasiños no teito de madeira, imaxinando que botaban carreiras mentres intentabamos conciliar o sono tapados polos pesados cobertores de esparto. Tapados ata as orellas para que non se escapara a caloriña que daba a botella de auga quente nos pés, co seu cravo dentro para que non estoupara.

abu_02

 Afortunada e agradecida

Cheas de historias estaban tamén as viaxes interminables ata chegar a Estorde para pasar o día coa familia, as baixadas monte a través, co avó, fouciño en man, apartando as silvas do improvisado camiño para o baño no burato -así é como bautizamos á praia de Rebordelos- xusto antes de chegar a Laxe para dar eses paseos pola beira do mar salpicados de conversas con vellos amigos do avó; as subidas a pé ao Bico de Meda cos bisavós, por certo, con máis enerxía que algún dos cativos; as visitas a Portugal en caravana familiar, as escusas perfectas para coller o coche e ir de ruta a rezarlle á Virxe da Barca de Muxía, a San Hadrián de Malpica, ao Cristo de Fisterra ou a xogar un pouco dentro do dolmen de Dombate mentres o avó ía ver aos seus; parar en todas as fontes para encher os garrafóns de auga máxica, e xa que estabas, anicarse para beber da propia fonte e coller folgos para seguir camiño… momentos inesquecibles.

Momentos felices unidos no recordo a unha sensación de liberdade na alma enchida de agradecemento. Momentos que agora boto moito en falta, por iso tiro tanto para o meu recuncho, porque non quero perder ese xeito de vivir, de sentir, de tratar coa xente, cos nosos maiores.

Eles deron todo por nós. Tronzaron o lombo para que nós gozaramos dunha vida mellor da que eles tiveron, e a pesares das súas esgotadoras xornadas sempre tiñan oco para aloumiñar aos netos. Síntome moi afortunada e agradecida por todos eses momentos que forxaron a miña vida na que sempre hai tempo para eles. Nós eliximos que conservar e cambiar na nosa vida. Eu téñoo moi claro, quedo coa miña xente, coa miña terra, con San Cremenzo de Pazos.

abu_01

DNI. Mónica Martínez Lema. Naceu en Zas o 7 de novembro de 1972. Así o recolle o seu DNI e así di sentilo ela, aínda que en realidade veu ao mundo no Sanatorio Belén da Coruña. Filóloga de carreira e xornalista de profesión tras pasar polo Master de Medios de Comunicación de La Voz de Galicia na temporada 95-96. Aí comezou a súa traxectoria como xornalista na TVG, presentando o Telexornal de Deportes ata o verán de 2006. Antena 3 fichouna ese ano para presentar os Deportes en «Las Noticias de la mañana». A finais do 2008 volveu a Galicia para formar parte dun novo proxecto xornalístico, no cal dirixiu as sección de Nacional, Internacional, Sociedade e Deportes. Pasou logo ao outro lado, sendo a Xefa de Prensa e Protocolo do Teatro Colón. De aí deu o salto á publicidade. É agora Produtora Executiva de Urbansimulations, unha axencia de publicidade enfocada no mundo da arquitectura, na que tamén se ocupa da comunicación.

@tasteatandenjoy

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s